Este ano, o alumnado de Francés de 4º de ESO e aquel de 1º de bacharelato que así o decidira imos ir dar unha volta pola cidade da luz. Estamos todos e todas moi emocionados coa idea de coñecer París, sobre todo tendo en conta que somos un “reducido” grupo de 47 –profesores aparte–. Quen nos verá practicar o noso francés polos Champs Élysées adiante!
De momento, andamos recadando fondos para sufragar a nosa estadía. Por unha banda, saturando o mercado de Rianxo mediante a venda de produtos de Martínez e Casal Coton (e toleando a María coas contas). E por outra, vendendo rifas para o sorteo dunha “super cesta de Nadal” –que en realidade son un baúl e unha cesta, porque entre o que mercamos e o que andamos a pedir polas tendas non nos cabía todo nunha cesta de Nadal convencional–.
Por certo, o número agraciado no sorteo da(s) cesta(s) que tivo lugar o venres 12 de decembro, ás 12:15h, no salón de actos do Instituto foi o 9193 que foi vendido por Román Castaño Frieiro de 1º de Bacharelato.
O caso é que a maioría de nós estamos traballando a reo para conseguir o noso obxectivo sen que a economía doméstica das nosas casas se resinta demasiado. Tamén lle estamos botando unha man a María coa coordinación e organización –sempre que temos un oco, claro!–.
Xa temos claro que a viaxe vai ser do 17 ao 24 de abril e que imos ir en autocar porque así o decidimos por maioría. Tamén sabemos que visitaremos Versalles e o museo do Louvre, que subiremos ao terceiro andar da torre Eiffel, que daremos unha volta en bateau-mouche ao atardecer, que iremos curiosear polo marché aux puces de Saint-Ouen –o meirande do mundo– e que pasaremos un día en Disneylandia e outro en Futuroscope.
Pois nada máis. De momento isto é todo, pero moi pronto volveremos con máis novas sobre esta viaxe –ou actividade cultural como prefiren chamarlle os que mandan-.
Que nervios! Xa nos está tardando marchar!!!
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]