Imaxe de cabeceira
Sen categoría
Poemas de Novoneyra (II)

TERRAS altas e craras da Lucenza
onde se ollan cerca as serras lonxanas!

Voan as aigas cas áas abertas
levando a sombra polas penas brancas
i as erbas douradas e sanguiñentas.

Eu son esto que vexo e que me vei:
………………………………………………………
Cebreiro! Faro! Iribio! Cervantes!
Ancares!
Capeloso!
Montouto! Rebolo!
Cumes mouros do Courel!
Serras longas
De Oencia e Val di Orras!

O cor
preso no silencio antergo dos tesos
sólo sinte a presencia do sol…
Inmensidade da terra i o ceo!

COUSOS do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ningués foi nin ha d´ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa…

Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.

OS soños negros i os xeitos broucos da noite
nun emboltoiro polos carreiros do monte.

VEO o tempo dos bullós
e de porse tral´o lume.
Polo alentó e polo fume
hase indilgar de nós…

1952

 

MORA o lobo no Fedo
na Lamelalonga nos prados
do Noval su a comba
da pena na Poxa
da Lomba
nos eidos máis pechos e calados
onde ninguén o oxa.

Neva no Chao do Toxedo
e nos Carboeiros.
Andan os lobos xagueiros
polas virtas do xestedo…

NORDE último
das campanas da neve!
Frol de fumo!

PANOS brancos
esfiañados
da nebra
ouveando polos vales
polos soutos
i as devesas marelas
en busca dun caborco
ou dunha valiña outa
que os acolla
i os faga acougar!
Fiañas da nebra
rubindo
e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos despidos
do Nadal!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.