Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Celso Emilio Ferreiro (1912-2012)
Nai

Eu non choro por ti, pois sei que mouras
onde a fonte do tempo, alá no fondo
de todos os camiños.
Choro por min un pranto inconsolábel,
que me quedei sin ti, meu limpo espello,
coma un arbre na noute, soio e núo,
fendido polo cerne, coas reigames
sin os doces segredos das violedas.
Choro por min, por estas maus de cinza
que outrora foron pombas,
cando o meu corazón era un paxaro
e ti pasabas sempre atafegada
nun andar de formiga labourando.
Tecían as labercas os abrentes
i eu era un vagalume, unha estreliña
ateigada de luz polos camiños.
Dios estaba con nós.
Agora vou senlleiro,
orfo de beixos tépedos sin mácula.
Choro por min que xa non teño colo,
para pousarme níl coma nun niño,
miña nai imposíbel, viva e morta
no cristal dos meus ollos.

María lendo o poema de Celso Emilio Ferreiro



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.