A polémica e as queixas do pobo non lle gañaron o pulso ao Parlamento. O 10 de outubro foi aprobada a LOMCE no Parlamento. Soamente o partido que goberna está de cordo coa nova Lei de Educación…
José Ignacio Wert, presentou en setembro de 2012 o seu anteproxecto de Lei Orgánica da Calidade da Educación. O ministro pretende con esta lei mellorar a calidade educativa española, que según el non está á altura da europea e adaptar a educación á situación de crise que estamos vivindo.
Despois de analizar os puntos desta lei, cheguei á conclusión de que é unha lei anti-constitucional, machista e elitista, polo que me manifesto totalmente en contra.
Estes son algúns puntos da lei que me gustaría destacar:
- Aparecen avaliacións de diagnóstico e reválidas en varias etapas educativas: A primeira en 3º de primaria outra en 6º de primaria. A seguinte, en 3º da ESO. 4º da ESO será un curso orientativo, no que poderemos elixir entre ensinanzas aplicadas (FP) ou académicas (BACH), pero será necesario superar unha reválida para obter o título de ESO e acceder a Bacharelato. A última reválida terá lugar en 2º de BACH, se non se supera a reválida, non se consegue o título. O goberno argumenta a favor desta proposta que o alumnado terá unha maior motivación de estudo, pero os alumnos/as que non estean capacitados para seguir estudos académicos pasarán ao camiño da FP. Tamén asegura o ministro que, grazas ás reválidas, coñecerase o nivel académico do centro e os pais poderán elixir máis fácilmente o centro no que queren que estuden os seus fillos. Na miña opinión, non considero que unha reválida sexa unha motivación… E menos, cando te xogas o teu futuro nun único exame. Hai que destacar que se repites, automaticamente tes que ir polo camiño da formación profesional. A educación debe dar sempre segundas oportunidades, calquera persoa ten dereito a equivocarse. Por último, en teoría esta lei pretende aforrar cartos… As reválidas teñen un custo económico enorme.
- Desaparece o dereito a voto do consello escolar, que pasa a ser un órgano consultivo. O director pasa a asumir as funcións do Consello Escolar. O Consello Escolar é un órgano moi importante nun centro, xa que lle permite a nais, pais e alumnos participar en decisións do centro e poder mostrar opinións e ideas. Poñer todo en mans do director paréceme unha eliminación da democracia interna dos centros públicos.
- Promove soster con fondos públicos centros privados que segregan por razón de xénero. Este punto demostra claramente a actitude machista que ten esta lei, pois non respecta a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, a Educación debe preparar aos alumnos/as para poder desempeñar un traballo no futuro, na vida laboral, homes e mulleres traballan xuntos.
- Elimínanse todos os proxectos de atención á diversidade (PDC, PCPI, Agrupamentos…) Estes proxectos son os que definen a calidade da nosa educación, danlle ás persoas con dificultades a oportunidade de conseguir o título, fan máis xusta e igualitaria a nosa sociedade.
- As linguas cooficias serán tratadas ao mesmo nivel que as linguas estranxeiras. Con esta medida, as linguas cooficias perden un papel moi importante na educación, o que vai provocar que desaparezan moitos falantes. No caso de Galiza, esta medida vai perxudicar moitísimo ao galego, xa que é unha lingua que non está normalizada.
- As Administracións públicas poderán liberar solo para entregarllo ás empresas privadas coa fin de que constrúan colexios privados. Esta medida deixa totalmente en evidencia á lei… Manifestan que a LOE é unha lei insostible nestes momentos de crise e regálanlle solo aos colexios privados? Paréceme totalmente paradóxico.
É certo que a educación española precisa moitas melloras. Pero estas non son as solucións axeitadas. Esta lei o único que pretende é crear un sistema educativo clasificatorio, eliminando así a moitos estudantes que precisan unha axuda especial do sistema. A atención á diversidade é xustamente o que lle dá calidade á nosa educación.
|
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]