Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando / O baúl do desprezo
E hoxe de xantar que: pulpo ou polbo?

A cuestión é pulpo ou polbo? Dous significantes que aportan un mesmo significado (Molusco mariño sen cuncha da clase dos cefalópodos de corpo globoso e oito brazos ou tentáculos con ventosas, chamados raxos) e varias opinións ao respecto dende xente que opina:  “polbo, polbo, polbo… que trapalladas son esas? Polvo é o de varrer e non hai máis, o que se come é o pulpo” ata outros que pensan que ampararse en que a realidade lingüística galega é a que sempre se lle chamou pulpo é tanto como dar oficialidade lingüística ao castrapo.

Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño abriu a polémica baseando a súa proposta de engadir a palabra pulpo á Real Academia Galega en que este vocábulo é o empregado de forma normal e habitual entre os veciños da vila que ademais gozan dunha festa gastronómica coa mesma denominación.

Pero acaso non é este un debate que leva indirectamente á perda de parte do vocabulario galego? Hoxe comezamos por dicir pulpo en lugar de polbo e mañá desaparecerá culler, andel, viraventos… e sen decatarnos deixaremos de ser galegos porque perderemos a nosa fala, a fala dos nosos devanceiros, unha lingua que nos constitúe como persoas e como nación.

É certo que en moitas ocasións o contacto co castelán lévanos a empregar castelanismos. Porén iso non significa que a variedade estándar do galego os teña que aceptar.

Non é discutible que se diga polbo, pulpo, polp, polipus, octopus, poulpe, polipi ou como nos apeteza, por veces.  De todas maneiras o comerciante non perde o seu obxectivo que é o cliente. Pero a vida é so beneficio económico ou algo máis?

Esta aparente e superficial denominación, ademais de desviar a atención da xente doutros problemas de maior incumbencia como a crise ou o paro, encerra un problema de gran dimensión que nos leva a un estado no que a única e lingua obrigada do estado español sexa o castelán.

Cada un ten liberdade para optar pola proposta que lle pareza máis axeitada ou ven non opinar e optar por comer un bo polbo galego ou pulpo (a elección do consumidor). Na miña opinión esta discusión absurda e sen relevancia non fai máis que perigar o noso idioma de novo. Xa sufriu noutro tempo, loitouse para que rexurdira e hai que dar grazas a todas aquelas persoas que deron a súa vida por conseguilo. E agora estamos de novo a proba. Os que opten por pulpo , optan pola minusvalorización do galego nunha sociedade aínda diglósica, mentres os que optan por polbo teñen o sangue e o espírito cheo de ilusións nesta fermosa nación que é Galiza.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.