Daniel Fernández Romero 2ºBach B
O ilusionismo é unha arte que require dedicación, esforzo e sacrificio pero sobre todo unha fonda motivación. Dise que un artista que non ten nada que dicir ou expresar non é un auténtico artista.
Os motivos son distintos para cada un. A causa do fracaso dalgúns magos vén dada por algo tan fundamental como a razón que os ilusiona para continuar.
Facer maxia (e en xeral, calquera cousa na vida) tan só polo afán de conseguir fama e cartos rapidamente pode abocar a un ilusionista ao fracaso. Realmente, ao longo do tempo poderiamos nomear unha chea de grandes artistas que tardaron moitos anos para facerse un pequeno oco na historia. O que vén dicir isto é que, o que importa, non é a fama, senón a calidade do artista.
Para comprender todas as motivacións posibles de quen quere facer maxia, hai que reflexionar sobre os tipos de persoas que existen e o que queren conseguir. Por exemplo, existen, segundo a xerga dos prestidixitadores, os chamados “magos de fin de semana”, é dicir, persoas que o único que buscan obter da maxia é atopar “uns truquiños” para destacar entre os presentes ou chamar a atención dalgún mozo/a. Isto pode pintar moi ben, pero realmente ninguén que tan só aprende os trucos, por moi impresionantes que sexan, chegará a ser realmente un mago.
Ser un mago consiste en saber eses mesmos trucos, pero afondar no efecto psicolóxico que deixará no seu público a nível emocional, estudar, procurar, a mellor maneira de transmitir a sensación de que realmente pasou algo imposible. As motivacións de un ilusionista completamente dedicado son a miúdo a obtención dun momento realmente único e a creación de algo que poida ser tomado como referencia para futuros artistas. Xa que logo, creo en realidade que o gran obxectivo dos ilusionistas é expandir o pensamento que os caracteriza e que permite manter a ilusión, a súa mente concibe o imposible como posible. O verdadeiro segredo da maxia non está na consecución de grandes fazañas imposibles, senón en crear a ilusión do imposible con pequenos trucos, incluso cos máis sinxelos.
Aparte dos factores emocionais e profesionais xa mencionados, a práctica do ilusionismo pode estar motivada polos seus beneficios para as habilidades sociais, pois é unha potente terapia contra a timidez. O extraordinario mago David Copperfield iniciouse na maxia por esta mesma razón. Por estraño que poida parecer, mostrou os seus números de maxia para televisión, ante miles e miles de persoas en todo o mundo.
Como conclusión, os motivos da maxia deben ser profesionais e enfocados ao verdadeiro desenvolvemento artístico. Requírese, insisto nisto, moita dedicación, esforzo, concentración e, por descontado, ilusión. Pero despois disto a súa práctica vese recompensada pola capacidade de crear algo moi especial en case calquera momento e circunstancia.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]