Imaxe de cabeceira
O IES rebole / Rianxiño viaxa
Viaxe a Sesimbra

realizado por: Aldara Muíños Rodríguez, Cinthia Carou González, María Domínguez Pérez

 

Dentro do proxecto Comenius no que estamos participando varios alumnos do IES Félix Muriel, organízanse visitas aos diferentes países.

IMG_8182

Comezamos coa primeira  a Sesimbra, Portugal, neste Entroido. Alí,  tres alumnas reunímonos co alumnado turco, alemán e portugués.

Saímos de Rianxo o luns 3  para ir a Vigo  coller o tren, que nos levaría ata Porto e, despois dun trasbordo, ata Lisboa.  Logo dunha pequena  viaxe en coche, chegamos a Sesimbra, onde nos estaban agardando as alumnas portuguesas, que nos vestiron de pallasos para participar nun gran desfile de disfraces (cerca de 2000 persoas).

O segundo día visitamos a exposición que preparou o alumnado portugués sobre a vida na súa vila na década dos 60. Tiñan obxectos empregados na pesca e na agricultura, e tamén na escola e nas festas. Pola tarde asisitimos a un desfile de escolas de samba, que  cos seus traxes de plumas e cores bailaban polas rúas acompañados de tambores.

O terceiro día fomos á Serra da Arrábiga, máis concretamente ao Mosteiro, no que puidemos observar a precariedade na que vivían os monxes. Logo fomos ao Oceanário, onde nos contaron unha historia sobre unha esmeralda perdida no mar e sobre a que tivemos que escribir unha historia. Despois visitamos a Biblioteca Municipal de Sesimbra, onde asistimos a unha obra de teatro representada polo propio alumnado do Comenius.

O xoves fomos ao instituto cos nosos anfitrións, e asistimos a unha das súas clases.  Algúns fomos a Física e Química e outros a Inglés. O seu instituto é moi diferente do noso, como son moitos alumnos e non teñen clases para todos, teñen horas libres no medio do horario. Tamén teñen un sistema de tarxetas, coas que pagan na cafetería e sen a  cal non poden acceder ao centro.

 

IMG_8261

Despois, pola tarde, collemos o autobús para ir a Lisboa, que percorremos nunha visita exprés. Vimos a Praza do Comercio, os famosos tranvías, o elevador de Santa Justa, a Baixa… Despois fomos a Belém, e alí vimos a Torre de Belém, o mosteiro dos Jerónimos e probamos os pasteis de Belém, que estaban moi bos.

Logo, voltamos ao colexio e tivemos unha cea con todos os estudiantes e as familias, con moita comida. Dende o típico bacalao ata unha tarta co logo do Comenius dibuxado.

A nosa última mañá en Portugal pasámola en Lisboa cos  nosos profesores, visitamos a Alfama e paseamos contemplando a cidade.  Finalmente collemos o tren e despedímonos de Portugal e dos novos amigos.

Pasámolo moi ben, coñecemos rapaces doutros países e aprendemos moito. Recomendámosvos que viaxedes porque é unha experiencia única.

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.