Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Premio Leixaprén 2014

DSC_0019O Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, foi creado no ano 1999 a iniciativa do IES Poeta Añón de Outes e asumido pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua, á que pertencen distintos centros educativos das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e arredores. Este premio recoñece o traballo de persoas, colectivos, entidades ou institucións que se distinguen pola defensa e promoción da lingua galega.

A partir do curso 2011-2012, coa DSC_0015intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu. o premio pasa a ser organizado pola CGENDL, formada por Equipos de centros públicos e concertados de toda Galicia, unidos por un mesmo ideario lingüístico: buscar a normalización da lingua galega no ámbito educativo e por extensión na sociedade.

A Coordinadora Galega, creada coa intención de coordinar actividades e experiencias dos Equipos de toda Galicia, organiza múltiples accións para contribuír ao fomento da lingua galega na comunidade educativa (que van desde a edición de revistas para as familias, como Ollos de aula, ata a recompilación de recursos e materiais en lingua galega, ou a propia organización deste premio.

Os membros dos ENDLG destacaron que Sés utiliza o galego na súa carreira artística como ferramenta instrumental, ao igual que o fai perante os medios de comunicación, charlas e manifestacións públicas, e ten defendido desde os palcos nos que actúa o valor e importancia do uso da nosa lingua.

A normalización da lingua galega é imposible sen que estea asentada nunha normalización da nosa cultura. Un aspecto moi relevante da mesma é a música. Facer música en Galicia e en lingua galega en todos os estilos musicais é fundamental para que o galego se asente como lingua de futuro, como lingua válida para todo e non como unha lingua ancorada só no pasado, no vello ou no folclore oco.

Mais o tradicional non ten que estar en oposición coa modernidade nin coa actualidade. É preciso coñecer o noso pasado e ter asentada a nosa tradición para avanzarmos cara ao futuro.

Sés, música e cantautora de jazz, rock, blues, e outras músicas de América do Sur (como a milonga), deu os seus primeiros pasos no campo do baile e a música tradicional.  Mestra e Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, logo do seu paso pola banda Chámalle Xis! e de colaborar con diferentes bandas e artistas galegos, baixo o nome de Sés publicou os discos Admirando a condición (2011) e Co xenio destrozado (2013), unha talentosa combinación de estilos musicais que, xunto cunha voz versátil e unhas letras traballadas, explican a grande acollida da crítica e o público.

Coa mesma actitude enérxica e contaxiosa que define os seus directos, o seu compromiso co idioma queda claro cando expresa “Fago música en galego porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo”.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.