Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
302.500 euros por 45 segundos de Galicia

O videoclip do éxito de Enrique Iglesias “Noche Y De Dia” creou gran polémica na sociedade galega, española, e incluso no panorama internacional, tras coñecerse a disparatada achega de 302.500 euros que a Xunta de Galicia fixo á produtora Universal Music Spain. O motivo deste investimento era que a gravación se realizase en Galicia, e “usar un vídeo dun artista internacional como vehículo de comunicación”, tal e como declarou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. O resultado foi bastante deprimente, xa que no famoso vídeo, a paisaxe galega ten presenza en tan só 45 segundos dos case 5 minutos totais.  

O grupo Páramo Pictures, coñecido polas súas parodias de vídeos musicais do panorama internacional, aproveitou a ocasión para gravar “ A Pale Tilla”, parodia deste polémico vídeo de Enrique Iglesias. Con este proxecto, este grupo de amigos no só pretende criticar o vídeo orixinal, senón tamén pásalo ben facendo uso do humor galego e da retranca. Fronte aos 300.000 euros que recibiu Enrique Iglesias, Páramo Pictures realizou o seu traballo con 150. “É unha mágoa que sexamos tres chavales da provincia de Lugo os que fagamos isto e no haxa ningún apoio das institucións” di Daniel Moreiras, integrante de Páramo Pictures. A pesares de non contar con ningunha axuda, este grupo musical é autor de cancións de suceso mundial, como é “Bertolina” o vídeo musical en galego máis visto da historia, con máis dun millón e medio de visitas.

A oposición criticou este investimento e a deputada Ana Pontón acusouno de ser un “desbalde”, xa que ante a situación de recortes e axudas raquíticas á industria cultural galega, o goberno optou por outorgar 300.000 euros de todos os galegos e galegas a un artista estranxeiro, os cales deberían estar destinados ao apoio da propia cultura galega. O conselleiro evitou o tema cultural, mais asegurou que a propia crítica opositora ao vídeo vai contribuír á difusión e promoción turística do país, e que antes de criticalo, hai que agardar a ver se é positivo ou non para a promoción turística de Galicia.

 

A noticia chegou tamén aos xornais británicos, nun dos cales podemos ler un titular que fala da indignación  xerada polo vídeo do artista, no que se inclúen só 45 segundos de imaxes de paisaxes galegas ao carón dunha morea de persoas, que participan nunha festa desenvolvida nun mosteiro sen identificar, a maioría delas mozas, o que deixa ver o marcado carácter sexista do vídeo.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.