O Equipo actual do IES Félix Muriel débelle moito a Xesús Costa Rodil, que nos acaba de deixar. Foi el quen lle entregou á que, no ano 2002, acababa de ser nomeada coordinadora, unha folla manuscrita co que lle parecía que debían ser os obxectivos básicos do ENDL para normalizar o galego no IES e en Rianxo. A súa ampla experiencia no ensino, o coñecemento do concello e o seu compromiso coa lingua galega serviron de impulso para un Equipo no que el seguiu colaborando mesmo despois de xubilarse. Sempre estivo ben disposto para todo o que lle pediamos, escribir un texto (Creador@sRianxofala), dar unha charla, gravar un audio… Pero temos que destacar de xeito especial a súa boa vontade para participar nos intercambios que realizamos con outros centros de ensino. A xenerosa entrega dos últimos anos axudounos a sermos mellores anfitrións ao facer de guía excepcional pola vila. Ademais achegoulle a súa memoria histórica (toda, pero en especial a dos campos de concentración) a profesorado e alumnado de moitas partes de Galicia que tivo a sorte de achegarse a Rianxo nos anos que el colaborou.
Donxe (como lle chamaba o último alumnado ao que instruíu no IES), derivado de Don Xesús (que era como o nomeaban os seus primeiros discentes) xa non loitaba contra o instaurado “Don” pero non permitía que o tratásemos de “vostede”. El, que era todo bondade e sabedoría, nunca vai morrer para o ENDL do IES Félix Muriel, porque nunca morren as persoas que permanecen na lembranza. A súa vai quedar sempre entre nós, xunto co seu compromiso co ensino público, de calidade e en galego, a lingua que sempre falaba, na que investigaba e escribía e á que sempre defendía.
Que a terra lle sexa leve!
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]