Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Forever in Galicia (por Sara Tubío Rial)

O pasado xoves 18 de Outubro, tivo lugar no auditorio de Rianxo un acontecemento histórico, a presentación de Forever in Galicia, a tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao. Digo o de acontecemento histórico porque non todos os días é traducido ao inglés un libro galego, servindo como medio de difusión da nosa cultura por todo o mundo. Como dixo nada máis comezar a presentación do libro o seu tradutor, Graig Patterson “agora calquera de Boston ou mesmo de Australia poderá desfrutalo”.  Que isto fora posíbel debemos agradecerllo por suposto ao seu tradutor pero tamén ao editor que lle deu esa gran oportunidade  e confiou nun dos grandes libros da literatura galega.

Ao longo de toda a presentación o tradutor leu (en inglés) os que para el eran algúns dos fragmentos máis importantes do libro e contounos (agora xa en galego) a historia de como se namorara da lingua de Galicia tras unha viaxe a Compostela nos anos que estudaba Hispánicas na Universidade. Segundo declarou, quedou prendido da cultura galega e agora afirma sentirse “irlandés de pasaporte pero galego de corazón”. Así mesmo o editor do libro, que non sabe galego, insistiunos: “rogo que sigades falando galego porque senón perderase todo un mundo, unha grandiosa cultura”.

Non é o primeiro libro en lingua galega traducido por Patterson pois para a súa tese xa pasara ao inglés outros libros galegos, pero este é, segundo asegurou, ao que máis cariño lle ten, non só polo libro en si senón porque tardou catorce anos en traducilo, pois tal e como afirmou, foino pospoñendo por cousas da vida, pero sempre estivo seguro de que o remataría, pois era un soño para el. “Eu chego a ser outro cando falo galego” foi unha das últimas afirmacións do tradutor na presentación, quen afirmaba que o galego transformábao.

Resulta fermoso escoitar todo iso de persoas que ao fin e ao cabo non son galegas de nacemento. E resulta aínda máis fermoso comprobar que, malia levar lonxe de nós case 70 anos, Castelao segue contribuíndo a día de hoxe á difusión da cultura galega por todo o mundo.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.