Soa o reloxo a mesma hora de sempre, Deteñome como unha nena inocente A observar unha imaxe Morriña, pena, saudade… Días,noites, amenceres, atardeceres Esperar, esperar, esperar Morriña, pena, saudade De súpeto todo cambia Unha mensaxe provoca un xiro na miña vida Morriña, pena, saudade Maldito o día da chegada desa nova A […]
Eu partín da miña terra, deixando atrás o meu fogar e á miña nai, ca idea de amasar unha boa fortuna nas antigas colonias e voltar xunto á miña nai e darlle unha vida digna no tempo que nos quedara por vivir. Emigrei con todos os cartos que a nosa familia posuía e, cando cheguei a México, traballei en multitude de oficios. Primeiro traballei nas obras públicas durante case nove anos, despois entrei a traballar como peón de almacén durante os seguintes once anos, o que me fixo achegarme ao oficio da hostelería; porén non fun que de triunfar neste sector. Máis tarde, cumprín como chófer daquelas xentes ricas, quen falaban de negocios todos os días, polo tanto aprendín algunhas cousas básicas para poder enriquecerme máis rápido e poder voltar á casa. Así foi como, trece anos despois de empezar a traballar como chófer, aforrei a cantidade suficiente de cartos para mercar unhas terras e dedicarme ao comercio da cana de azucre, que neste tempo era moi fecundo.
Agora, tras pasar corenta anos na emigración botando de menos á miña nai e o meu fogar, conseguín amasar unha boa fortuna. Porén, neste difícil percorrido que iniciei á temperá idade dos vinteún anos, cheguei ignorante das enfermidades tropicais ás que me expuña e enfermei gravemente.
Nestes intres estou escribindo unha carta para a miña nai querida, inevitablemente recostado na cama, sentenciado a morte por causa da tuberculose.
Hoxe cúmprense corenta anos dende que emigrei da miña terra, co soño de voltar algún día con cartos, co traxe novo, garavata e o mellor coche que houbera. A pesar de coñecer o meu fatal destino e ser consciente de que non pederei volver a ver á miña querida nai, son feliz imaxinándome ao seu carón, pensando na miña infancia e os seus atentos coidados.
Espero, miña nai, que poidas vivir ben con estes cartos todos os anos que aínda che quedan de vida. Quérote, mamá…
Durante este tempo no que todas estamos confinadas nas nosas casas, a xente sae aos seus balcóns a unha determinada hora do día a aplaudir e agradecer o traballo do persoal sanitario. Debemos apoiar, tanto como ao persoal, ao sistema que o sustenta: a sanidade pública.
A sanidade privada non se está a facer cargo das persoas infectadas por coronavirus. Todas temos xente cerca que pensa que por pagarlle a un médico vai estar mellor atendida e non valora a sanidade pública. Á hora da verdade, o que realmente funciona é o sistema que debemos pagar todos mediante o nosos impostos e que debe estar a disposición de todos os cidadáns e cidadás. Con isto quero dicir que é impensable ter que pagar para ser atendida. Todas as persoas, independentemente do diñeiro que teñan, teñen o mesmo dereito a vivir. Polo tanto, un sistema como o de EEUU no que, se es pobre e enfermas, morres, é unha barbaridade. Con todo, Esperanza Aguirre, desviou 3 millóns da sanidade madrileña á financiación do seu partido. Na actualidade, tivo que ingresar nun hospital público debido a que enfermou de coronavirus.
A sanidade pública está moi debilitada nesta crise sanitaria polos recortes sufridos durante a crise económica e os procesos de privatización. Non hai material suficiente nalgúns lugares para enfrontarnos a este problema. Na “España baleira” denunciaron que os médicos e enfermeiras non teñen traxes especiais e que teñen que cubrirse con bolsas de lixo. Isto converte a profesión de médico nunha profesión de grande risco. Mesmo nas mellores condicións, estas persoas corren o risco de infectarse debido a que sempre pode haber algún erro. Pero, se as condicións nas que traballan non coidan da súa saúde, isto, ademais de ser inxusto para eles, deixa os hospitais sen persoal para afrontar a crise.
Atopamos estes días moitos casos que mostran a difícil situación en que o persoal sanitario debe desenvolver o seu labor. Unha señora, desesperada, gravou un vídeo denunciando a falta de material en Leganés.A muller dicía que o seu marido estaba grave, necesitaba respiradores e baixar a UCI. Neste caso, nin había respiradores para tentar que puidera respirar nin sitio na UCI e, cando o houbo, tiveron que meter a un home de 44 anos. É dicir, os médicos teñen que elixir a quen deben salvar e a quen non. Neste caso, tiveron que elixir entre un home de 44 anos e outro por riba dos 65, polo que elixiron ao máis novo. Os sanitarios non teñen que pasar por isto, é unha presión inmensa saber que están deixando morrer xente, pero que non poden facer nada máis por falta de material.
Concluíndo, atopámonos nunha grave crise sanitaria que xa leva aproximadamente 15 mortos en Galicia. Necesitamos botar man dunha sanidade pública que non conta cos medios suficientes para facer fronte a este grave problema, porque previamente foi recortada. Por isto, produciuse unha “cacerolada” pedindo ao rei emérito que destine o diñeiro que recibiu de Arabia Saudí, á axuda contra a enfermidade. Con todo, non se precisa que empresarios que non pagan os seus impostos doen á sanidade como se dun acto de caridade se tratase. Se todos pagásemos os nosos impostos e o Goberno fixese unha boa administración deste diñeiro, teríamos unha sanidade pública óptima.